Friday 03 de May de 2024

Inés Rey anuncia actuacións no eido da mobilidade por valor de máis de 500.000 euros


A alcaldesa destacou a boa acollida que están a ter os Bonos PRESCO xa que en só dúas semanas impulsaron ventas que superan o medio millón de euros e contan con máis de 20.000 usuarios.

Renovouse durante un ano máis con EMVSA a xestión do banco de vivendas de alugueiro con destino a colectivos con dificultades de acceso á vivenda por un importe de 300.000 euros.

A alcaldesa, Inés Rey, anunciou esta mañá, tras a Xunta de Goberno Local, que se aprobaron varias actuacións no eido da mobilidade que permitirán continuar co plan de mellora dos espazos urbanos e da accesibilidade.

Continuamos, polo tanto, dixo, co Plan Coruña Camiña, cunhas obras que superan o medio millón de euros e que levan sendo demandadas durante anos. Un plan, o Coruña Camiña, que está a cambiar o modelo mobilidade da cidade, e que se resume en máis de 35 intervencións cun investimento de máis de 7 millóns de euros cun denominador común: máis espazo para as persoas, máis zonas verdes, e máis espazos de convivencia.

En primeiro lugar, o Goberno deulle luz verde o proxecto de mellora da accesibilidade na rúa Doctor Camilo Veiras, na contorna do centro oncolóxico por un importe superior a 400.000 euros co obxectivo de garantir a accesibilidade ao centro médico e mellorar a contorna ampliando a zona peonil.

E aprobáronse outras obras do Plan Coruña Camiña; a reforma da rúa Santa Cecilia, en Monte Alto, e do espazo público de Pedralonga co fin mellorar a accesibilidade e garantir unha mobilidade segura. A primeira intervención, cun orzamento de 100.000 euros, consiste na mellora completa da rúa e da escalinata.

Renovarase o pavimento coa construción dunha rúa de plataforma única, as redes de saneamento e a iluminación. Ademais, Instalarase novo mobiliario e crearanse zonas arboradas. Ademais, conservarase unha zona de aparcamento para as veciñas e veciños da rúa.

No caso do espazo de Pedralonga, dáselle resposta a unha demanda histórica do barrio, que inclúe a derruba dun muro entre o parque infantil e Down Coruña o que permitirá a creación dunha pequena rúa peonil con bancos e novo mobiliario.

Na sesión de hoxe autorizáronse os proxectos que optarán a convocatoria de axudas a municipios para a implantación de zonas de baixas emisións e a transformación dixital e sostible do transporte urbano do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (Fondos Next Generation) co obxectivo de poder conseguir 11 millóns de euros para financiar as actuacións que se están a levar a cabo para acadar unha
cidade máis sostible.

Tamén se aprobou un convenio coa Federación de Comerciantes para a dinamización de actividades que impulsen o comercio local a través das diferentes asociacións de comerciantes da cidade. “Son 170.000 euros sumados aos 985.000 destinados aos Bonos PRESCO e que estamos seguros que contribuirán ao crecemento dos negocios e poñen de manifesto o noso compromiso de apoiar o importante papel que desempeña o comercio de proximidade na cidade”, dixo Rey, quen destacou a boa acollida que están a ter os Bonos PRESCO xa que en só dúas semanas impulsaron ventas que superan o medio millón de euros e contan con máis de 20.000 usuarios.

No eido da recuperación económica, a alcaldesa destacou que o Goberno local segue a traballar no impulso do desenvolvemento urbano e a recuperación económica axilizando licenzas para a construción de novas vivendas e a mellora de zonas urbanas. Nesta liña, hoxe concedeuse unha licenza para a construción de 24 vivendas en dous edificios situados nos soares 128 da rúa Juan Flórez e no número 7 da rúa Maestro Clavet.

“No que vai de ano levamos concedidas máis de 500 licenzas de obra, que supoñen a día de hoxe 272 novas vivendas na cidade, 162 de obra nova e 110 en rehabilitación”, sinalou, e engadiu que o Goberno aprobou de maneira inicial o proxecto de urbanización do polígono de Santo Amaro. Trátase dun proxecto de rexeneración que mellorará a accesibilidade entre o paseo marítimo e a cidade, e permitirá ampliar as zonas verdes con preto de 12.000 metros cadrados de espazos verdes repartidos na contorna do Club de Mar e na contorna do Cemiterio de Santo Amaro e da Residencia Torrente Ballester. Ademais contará cun novo parque infantil na contorna do cemiterio.

E, por último, no eido social, renovouse durante un ano máis con EMVSA a xestión do banco de vivendas de alugueiro con destino a colectivos con dificultades de acceso á vivenda por un importe de 300.000 euros. Este banco conta na actualidade con 44 vivendas.